Voltamos a sacar un tema de especial relevancia á primeira liña do debate para ver se entre todos somos quén de sacalo adiante ou temos que deixalo na cuneta, ata que outra xeración tire do carro. Dende diferentes estamentos estase a argallar unha sorte de campaña para tentar acadar, algo que "outros" (si, con máis cartos, máis influencia e máis de moito) xa conseguiron: un dominio de primeiro nivel para o noso país. Obter un dominio de primeiro nivel, xa sexa .gal ou .gz, non vai supoñer pulo algún ao desenvolvemento da Sociedade da Información e do coñecemento en Galiza. Supoño que ningúen pensa iso pero non está de máis lembralo. Non imos pasar, como Sociedade, á cabeza do estado nos diferentes indicadores de adopción tecnolóxica e móito menos imos conseguir emular a Irlanda, país "pobre" e sospeitosamente similar a Galicia, que conseguiu situarse entre os máis relevantes na Economía do Coñecemento. Sendo realistas, ou analizando con tranquilidade este tema, podemos dicer que un un dominio de primeiro nivel non vai ter ningunha implicación no desenvolvemento da economía da información, nos indicadores básicos da Sociedade da Información e do Coñecemento e non vai influir, cando menos de xeito directo, na apropiación e penetración da tecnoloxía na nosa sociedade. É dicir, estamos a falar doutra cousa... ¿Pero de qué? e, sobre todo, que importancia tén? Como ben argumentaba o antropólogo Joan Mayans nun recente artigo, que tamén forma parte deste escaner, estamos entrando no eido das representación simbólicas onde o territorio é unha virtualización electiva, elemento este que xoga un papel fundamental nalgo que si semella ser importante no desenvolvemento de cada Sociedade, ante sí e para sí, e sobre todo perante a Sociedade da Información. Fai uns anos, Manuel Castells, un dos sociólogos de referencia a nivel mundial, publicaba a triloxía la era de la información, onde adicaba un tomo ao "Poder da Identidade", analizando polo miudo cal é o rol que esta variábel xoga nun entorno supostamente globalizado, macdonalizado e multicultural. Anos despois, coa colaboración de Himanen, sae á luz o análise de caso de Finlandia e aínda está, Castells, co Proxecto Internet Catalunya (PIC) entre mans. Entre todas estas investigacións hai un fío conductor: a identidade. Xapón, Finlandia ou Catalunya artellaron os seus proxectos cara o desenvolvemento da Sociedade da Información, de xeito directo ou indirecto, na Identidade, e non se pode dicer que estas tres comunidades en concreto van mal nos diferentes indicadores socioeconómicos. Son tres sociedades moi diferentes, cada unha con unha longa historia de supervivencia, de vínculos con outras nacións ou diferentes procesos de construcción do imaxinario social e cultural, máis nos tres casos a Identidade xogou e xoga un papel fundamental na complexa relación entre o proceso de Globalización e a resistencia ao mesmo. E pasamos á nosa teima, a necesidade dun dominio de primeiro nivel para Galiza. Na miña opinión, esta non é unha necesidade con rendemento directo ou medible. Nembargantes estamos ante unha aposta estratéxica para dar un cambio cualitativo na relación coa rede, unha relación que xa existe pero que necesita ser "nomeada". É imprescindíbel obter un dominio de primeiro nível para poder nomear, para poder dotar de visibilidade, lexitimidade e, incluso, autoconciencia ao territorio virtual galego, que agora está diseminado entre diferentes extensións (.com; .net; .org; .pt ou .es, por poñer algunhas). Se asumimos o Teorema de Thomas, podemos tirar a conclusión que a Galiza dixital, en tanto que territorio virtual, non existirá ata obter ese devezado dominio, ate o de agora existen illas galegas en territoralidades alleas. Logo, os que esiximos o dereito de Galiza, da comunidade lingüistica galega, ou do que queiran chamarnos, a ter un dominio de primeiro nível, ben sexa .gz ou .gal, esiximos o noso dereito de ser visíbeis na rede, a obter unha denominación ou determinación que nos permita "ser" no ciberespazo. Máis esta aposta non fica na nosa caprichosa e insoportábel levedade do ciber-ser galego, esta é unha aposta decidida cara a re-creación e consolidación dun modelo específico de Sociedade do Coñecemento para o noso contexto/entorno/sociedade. A Identidade, como ben amosan os estudios citados, é un punto de partida e reforzamento fundamental para a existencia de modelos propios, autónomos (e creativos) cara a Sociedade do Coñecemento, xa que as alternativas (copiar modelos de éxito doutras sociedades) son apostas de dubidoso criterio. Non ten senso prender facer unha Revolución Meixi, ser ducado autónomo da Rusia Zarista ou seguir os pasos dos veciños cataláns ¿non sí? Galiza configura a súa propia identidade en base á súa historia e en base ao seu imaxinario sociocultural. De xeito similar Galiza debe construír o seu propio modelo, a súa propia "vía" para a Sociedade do Coñecemento e a Identidade é un dos pilares sobre os que edificar este futuro... e como xa escrebemos, conseguir unha determinación, conseguir "ser" no ciberespazo é un paso fundamental do que non podemos prescindir.
Los artículos publicados en la sección Divulgación OCS son una contribución colaborativa voluntaria al Observatorio para la CiberSociedad. La responsabilidad de las afirmaciones, opiniones y contenidos expuestos en esta sección, así como todo su mérito, recae, en este caso, en Fernando Garrido Ferradanes. El Observatorio para la CiberSociedad permite la reproducción de estos contenidos siempre y cuando se cite correctamente la fuente de procedencia y el autor/-a haya sido informado de ello y lo haya aceptado previamente y de modo expreso. (c) Fernando Garrido Ferradanes, 11/04/2006 |