Citilab - Cornellà
Observatorio para la CiberSociedad
Espacio para la reflexión, el análisis y el debate sobre
el ciberespacio desde las ciencias humanas y sociales

Divulgación OCS

[publicar nuevo artículo]
[ver lista de artículos]


A relevancia do blogomillo e da súa análise

Autor/-a: Fernando Garrido Ferradanes


Código Cero


Neste último mes de Abril culminouse un proceso que levaba bastante tempo xerminando: a explosión mediática do “fenómeno blog”. Unhas xornadas en Compostela organizadas polo Consello da Cultura Galega (EnBlogs), un Congreso Internacional en Madrid, a publicación do libro “la blogosfera hispana” pola Fundación FranceTelecom e este número de Código adicado especialmente aos blogs, son catro boas mostras deste feito. Hai motivos que xustifiquen esta explosión mediática? Sen dúbida, o blog, en tanto que tecnoloxías social está imbricándose entre as pautas de comportamento dos usuarios da rede dando lugar algo novedoso, que mantén patróns similares a outras tecnoloxías sociais, pero que non deixa de ser un obxecto de estudo ou de análise especialmente sustancioso.

Hai unha morea de datos moi mediáticos sobre os blogs. A súa evolución cuantitativa está documentada polos estudos do PEW Internet, de Technorati ou polo blogómetro elaborado por varios profesores universitarios do estado. Por outra banda está a evolución cualitativa, é dicer, como evolucionan os blogs no seu contido, na súa composición, como texen unha rede de comúns, etc. Estas son as variabeis que, por exemplo, tentamos traballar nas enquixas a blogueiros. Pero non podemos ficar aquí, é preciso facer unha reflexión máis ampla sobre as bitácoras e as preguntas aquí son múltiples: Son as bitacoras unha moda? Deixaremos pronto de falar de blogs? Porqué son relevantes os blogs?

Fai uns anos xa, o xa citado PEW Internet comezaba a detectar un cambio nos perfiles dos usuarios máis activos da rede nos EEUU. Os consumidores de grandes cantidades de contido comezaban a dar paso e a evolucionar cara productores de contido, sobre todo no que fai referencia aos weblogs, blogs ou bitácoras. É aquí onde reside a especial relevancia do fenómeno blog, en que supón un cambio de concepción da rede, que xa non é máis unha concepción pasiva ou consumista da mesma, senón que a concepción é activa e implica unha forte presenza da producción como pauta social.

¿Qué papel xoga iso que se deu en conceptualizar como web 2.0? Eu creo que de existir algo similar a ese concepto é unha volta da rede ás súas orixes, á sociedade, valor “ideal” (ou non material) que se artella entorno a unha serie de aplicacións que, por unha banda, facilitan a publicación de contido por parte de usuarios sen excesivos coñecementos informáticos (CSMs de todo tipo, como Movable Type, Blogger, Wordpress) ao tempo que se outorga un valor indubidábel á colaboración. Así as Folksonomías, os Wikis, a propia Wikipedia ou Creative Commons supoñen diferentes manifestacións de esta pauta.

Por outra banda, medir a Sociedade da Información, ou a súa evolución, nunca foi sinxelo e ás máis das veces realízanse aproximacións moi parciais a este concepto. Aínda non existe un corpus exhaustivos de indicadores sociais, co que ás máis das veces temos que limitarnos a cuantificar a evolución desta en base á penetración de dispositivos (telefono móvil, PC, Portatil, etc) ou dos diferentes accesos (Banda Larga, Telefonía Móbil), algo que sen ser erroneo non deixa de ser unha aproximación incompleta. Tentar “cuantificar” a apropación social da rede é pouco menos que un disparate, pero sí podemos tirar algún moi bó indicador deste proceso, proceso especialmente relevante, xa que se pode tomar como o concepto central para analizar a madurez dun país / cultura / comunidade lingüística en relación á Sociedade da Información e do Coñecemento.

E onde entran os blogs? Pois os blogs poden comprenderse como unha das principais manifestacións da apropición social da rede, co que analizar a emerxencia deste “fenómeno” comeza xa a ter un sentido. Analizar e comprender o blogomillo (nome empregado pola blogosfera galega para autodefinirse) é analizar e comprender a marcha e evolución da Sociedade da Información en Galiza. É máis, esta análise supón unha boa diagnose da madurez da tan citada Sociedade da Información e do Coñecemento.

Atopamos así a lexitimidade para adicar gran parte dos esforzos e recursos investigar, analizar e teorizar sobre este fenómeno social. Agora ben, seguindo o fío desta argumentación, a pregunta non se fai agardar: Cal é a situación de Galiza? Porque o certo é que segundo esta argumentación hai un oco para a esperanza e neste número de Código Cero realízase unha boa aproximación ao tema, ao igual que na I Enquisa a Blogueiros, por poñer só un par de exemplos.

Mais compre non mitificar aos blogs. Por máis que dende diferentes lugares se tenta consolidar ao blog como resposta a case tódolos problemas (no marketing, na educación, na política, etc) o certo é que todo apunta a esta tecnoloxía social aínda non rematou de estabilizarse e, en consecuencia, aínda mantén abertas espectativas que deben ser tomadas con moita cautela. O, ao meu xuízo, excesivo optimismo arredor da emerxencia deste fenómeno non está ben encamiñado, xa que o relevante é o cambio de paradigma que comentamos ao comezo deste artigo, dende unha concepción pasiva/consumista da rede cara unha concepción activa/productiva da mesma é non tanto a “tecnoloxía” (o blog), que só é a “punta do iceberg”, o catalizador do cambio.

Deste modo, non é arriscado aventurar que en pouco tempo estaremos analizando, teorizando e “mediatizando” algunha outra tecnoloxía social coma os fotologs, o podcast ou o vlog (videologs), e insisto, isto é importante, mais ás veces as arbores non nos deixan percibir ben o monte. Neste caso, os blogs asumen todo o protagonismo mediático, cando o cambio radical está na concepción da rede por parte do autor do mesmo… un autor que pode que canse de escreber nun blog nus meses, ou nun par de anos, pero que xamáis poderá voltar a ser (só) un mero espectador ou lector da rede.

 



Los artículos publicados en la sección Divulgación OCS son una contribución colaborativa voluntaria al Observatorio para la CiberSociedad. La responsabilidad de las afirmaciones, opiniones y contenidos expuestos en esta sección, así como todo su mérito, recae, en este caso, en Fernando Garrido Ferradanes. El Observatorio para la CiberSociedad permite la reproducción de estos contenidos siempre y cuando se cite correctamente la fuente de procedencia y el autor/-a haya sido informado de ello y lo haya aceptado previamente y de modo expreso.

(c) Fernando Garrido Ferradanes, 23/05/2006