Javier Cremades, 2008, Micropoder.
Espasa Editorial
Autor/-a de la reseña: Fernando Garrido Ferradanes
A revolución das tecnoloxías da información veu da man dunha serie de cambios e evolucións en distintas esferas: o ensino, os medios de comunicación, a cultura e mesmo en conceptos un tanto máis etéreos como pode ser o poder. O libro do avogado Javier Cremades, un dos pioneiros na análise e divulgación da Sociedade da Información no Estado, aborda a evolución na distribución do poder que, da man da Rede, considera está pasando das Institucións cara os cidadáns que empregan distintas ferramentas para actuar de xeito coordinado e cooperativo. O micropoder é o poder individual de manifestar opinión, decidir como votante, consumidor, traballador, accionista, etc, poder que ao ser amplificado e distribuído a través de Internet tece redes e crea comunidades de interese que adquieren unha notábel influencia.
Este concepto de Micropoder é empregado como marco de análise que o autor traslada a distintos eidos, dende a política, o software, o dereito, a organización empresarial ou ao propio sistema capitalista. Así, de especial interese, tanto polo quente da cuestión como pola formación intelectual do autor, resulta o capítulo adicado ao “Micropoder das grandes ideas” no que se fai unha análise dos desafíos que xurden á propiedade intelectual e aos seus mecanismos de conservación. Cremades, tras recoñecer o papel que supostamente a propiedade intelectual xogou na xeración da industria cultural, do entretemento e da innovación tecnolóxica, identifica a necesidade da súa redefinición e da súa adaptación ao entorno dixital.
Unha das principais características atribuídas ao micropoder é a modificación da concepción do sistema democrático, por medio dun diálogo social máis sinxelo e interactivo. A través de distintas canles, que van dende o SMS a sistemas máis sofisticados como os Blogs, o tecido social apropiase de espazos nos que a política se redefine. Pero, por outra banda, as novas tecnoloxías eliminan as supostas barreiras existentes para a participación do cidadán no máis cotiá e vanal da democracia: a toma de decisións. Xurde a potencialidade de levar o sistema político actual cara unha Democracia Interactiva, que implica a capacidade dos cidadáns de decidir na esfera pública por medio dunha discusión racional.
Esta obra pode enmarcarse no feixe de literatura que no pasado 2007 analizou o fenómeno da Web 2.0 dende perspectivas que van dende o tecnolóxico ao económico. A especificidade deste libro é tomar como punto de partida un concepto concreto, micropoder, e facer un especial fincapé nas implicacións que a Web 2.0 ten na participación da cidadanía en esferas que van do consumo á política. Un texto que queda demasiado xenérico para aqueles que xa están introducidos na temática, máis que pode ser unha moi boa introducción para quenes teñan interese en coñecer as implicacións sociais que veñen da man dos últimos desenvolvementos da rede. Tan só se lle poder por a queixa de carecer, inxustificadamente nunha obra que está chea de deudas e citas intelectuais, de bibliografía e citas bibliográficas.
-----------------
Reseña publicada no suplemento de libros
PROTEXTA da revista Tempos Novos no seu número 4.