Manuel Castells, 2008, La Transición a la Sociedad Red.
Varias
Autor/-a de la reseña: Fernando Garrido Ferradanes
Na análise da Sociedade da Información hai un antes e un despois de Manuel Castells. A súa obra central, La era de la información, publicada en tres volumes hai dez anos, sistematiza e constrúe un novo modelo a partir da análise da tecnoloxía e da teoría social dos científicos predecesores. Tan só outro pensador social contemporáneo, Pierre Bourdieu -feneceu no ano 2002-, conseguiu armar e consolidar unha estrutura ou marco analítico comparábel ao seu. Agora ben, a obra de Castells estivo lastrada por un feito: a súa análise sempre estivo sostida en datos e fontes secundarias e só en contadas ocasións empregaba datos de investigacións propias. Escollemos unha obra na que solventa esta crítica, outra obra na que este autor aborda unha temática de actualidade (as relacións de xénero) e unha terceira na que se emprega o seu marco de análise para analizar a economía.
A chegada deste investigador á Universitat Oberta de Catalunya (UOC) veu da man do deseño dun macroproxecto de investigación que comeza en 2001 e que tiña como finalidade realizar un estudo de caso -un dos máis ambiciosos, se non o máis, a nivel mundial- da situación dunha rexión diante da Sociedade da Información. Este estudo finalizou a mediados do pasado ano, se ben aínda se están a publicar as novas e os informes que compoñen as distintas áreas nas que se dividiu: educación, economía, universidade e investigación, goberno e saúde. La Transición a la sociedad red é o resumo deste traballo e nel se analizan de forma sintética os key findings ou claves do modelo catalán. A conclusión do estudo é traspasable a Galiza: existe un importante papel das institucións públicas no intre de dinamizar o salto cara este novo estadío social, que pode atopar dous bos alicerces na língua e na identidade.
Entre a morea de datos estatísticos e referencias bibliográficas chaman a atención diversos feitos:
No que atinxe ao modelo de investigación máis que a esta en por si, cabe mencionar o sorprendente que é presentar nun libro-informe os datos dun traballo de campo realizado cinco anos atrás. Estamos afeitos a medir e a tomar o pulso da actualidade cunha maior cercanía, e as consultoras e organismos oficiais publican datos con poucos meses de vida. Neste caso, e malia ao valor engadido que supón a reflexión teórica e a análise, cabe dicir que se fai un tanto “incómodo”. Unha das teses deste autor é que como sociedade estamos a atravesar un momento de “aceleración temporal”, e esta investigación non deixa de por de manifesto que a velocidade do cambio social require dunha especial destreza para adaptar o enfoque dos estudos: no momento da análise é preciso non aillarse, xa que a sociedade sigue o seu ritmo e pódese perder o sentido da evolución do cambio social. De feito, a mutación que se considera máis relevante na historia ‘contemporánea’ -enténdase comercial- da Rede non se pode albiscar aquí: o fenómeno da Web 2.0. Tan só recurrindo a datos secundarios se introduce este concepto na análise.
Unha das áreas con máis forza e peso da UOC e a área de economía, onde levan traballando o cambio económico que posibilita a tecnoloxía e que da paso á “Economía Informacional”. En La empresa red preséntanse os resultados dun estudo centrado na economía e na empresa no marco do citado macroproxecto de investigación co mesmo problema de fondo: uns datos de algo máis de catro anos. Téntase, nun extenso documento de máis de 600 páxinas, analizar a transición cara á economía do coñecemento que, en verbas dos autores, vén da man da consolidación dun novo modelo estratéxico, organizativo e produtivo: a empresa rede.
A economía e a tecnoloxía son dous aspectos relevantes á hora de comprender a Sociedade da Información. Agora ben, a cultura é un dos aspectos cruciais e un dos que pode marcar a diferencia na construción dun modelo propio, tal como Castells atopou ao analizar casos coma o finés. No sistema cultural hai unha figura crucial formada polo par familia-patriarcado que entra en crise con diferentes cambios que teñen lugar nos últimos vinte anos, os mesmos cambios que debuxan o contexto que facilita La era de la información.
Esta crise do patriarcado e a redefinición dos conceptos de “home” e “muller” e das relacións entre ambos, cun pano de fondo marcado pola actualidade -violencia de xénero, novas formas de convivencia, coidado dos menores, etc- fan de Hombres y Mujeres: ¿Un amor imposible? un libro atractivo. Porén, o que marca a diferencia neste libro converténdoo nunha delicia é o formato: un home escribindo/describindo sobre a muller e unha muller facendo o propio co home, para posteriormente discutir nunha extensa conversa os aspectos máis polémicos. Un xénero, a conversa, que aínda non entra no universo de referencia do ensaio sobre tecnoloxía: este ben pode ser un bó punto de comezo.
Reseña publicada no número 6 do suplemento de libros PROTEXTA
La Transición a la sociedad red
Manuel Castells
Ariel, 2007
248 páxinas
20 euros
Mujeres y hombres: ¿Un amor imposible?
Manuel Castells y Marina Subirats
Alianza, 2007
324 páxinas
18,90 euros
La empresa red. Tecnologías de la información y la comunicación, productividad y competitividad
Joan Torrent
Ariel, 2007
640 páxinas
35 euros