IV Congreso da CiberSociedade 2009. Crise analóxica, futuro dixital

Mirar atrás, saltar adiante. Unha retrospectiva cibersocial

Por Joan Mayans, Presidente del Observatorio para la CiberSociedad

Os congresos do Observatorio para a CiberSociedade marcaron a evolución da miña vida profesional. Agora, logo dalgúns meses traballando na sombra e facendo máis reflexión que acción, finalmente, estamos lanzando outra edición, a cuarta. Empuxando para adiante. Chimpándoo ao auga. Con ilusións renovadas e unha mestura ambiciosa de obxectivos de continuidade con moi bos propósitos de cambio, de reinvención. Estamos a reimaxinar o congreso da cibersociedade. Queremos quebrar as inercias. Queremos abrilo e viralo. Darlle a volta e volver pensalo. Temos unha comisión contracongresual. Queremos aproveitar a alianza coas dinámicas participativas e innovadoras do Citilab. Queremos protexer o núcleo para abrir as súas ás. E para empezar, propuxemos un xogo. Un xogo colectivo que xa é o primeiro módulo do congreso. De agora a adiante, xa non poderemos parar. Quero escribir catro liñas, mirando atrás para arrincar e saltar adiante. Intentando re-escribir a evolución e a historia que teñen atrás, explicándonos unha historia paralela do que foi a Cibersociedade deste decenio.

No 2002, cando resultaba difícil facer entender a alguén que no ciberespazo, que en Internet, as cousas que alá pasaban tiñan máis de social e cultural, que de tecnolóxico, inventámonos unha primeira edición, baixo o título Cultura e Política & Ciberespazo. Entón non o chamamos "primeira edición". Simplemente, tiñamos a idea de facer un híbrido novo, que aproveitase de verdade as posibilidades da interacción dixital, que superase os modelos probados de "dixitalización" de congresos. Pensabamos non tanto en engadir ferramentas dixitais a un congreso, como en simular un de forma virtual. Emulalo. A metáfora congresual era o primeiro nivel de discurso. A maioría dos que colaboraron fixérono dende un vínculo académico e os primeiros sorprendidos dos bos resultados fomos nós. Recordo os chats onde nos decidiamos a levalo adiante, co hardcore da asociación e as primeiras vinculacións con en José Luís Orihuela, en Roberto Balaguer, Djamel Toudert, Heidi Figueroa, Ramon Alcoberro... Aquel congreso, que se organizou dende unha habitación do Poble Sec e onde 700 persoas participaron, foi o inicio dunha saga. Serviu para facer ruído, para avanzar nunha percepción pública determinada, na que Internet era un fenómeno social, cultural, político, real e significativo. Agora, esta afirmación sóanos a repetitiva e asumida. E isto era un dos obxectivo daquel congreso. Converter Internet en materia de debate político, económico, social e cultural. Quitándoo do nicho. Agardo que algún gran de area achegáramos...

A edición do 2004 foi a do cambio nas dimensións da actividade. A experiencia do 2002 serviu para contar cunha metodoloxía testeada e unha serie de áreas a mellorar. Os ritmos de traballo, a amplitude do equipo, e as persoas vinculadas e a tarefa de elaboración dunha interfaz dixital á medida do acontecemento permitiron dar o salto cara a unha convocatoria de alcance internacional que superaba os 4000 participantes. Naquel intre, o enfoque tamén quería ampliar a súa mirada, preguntándose " Cara a que sociedade do coñecemento". Deixáramos a énfase case apoloxética por unha mirada sociocéntrica cara ao tema TIC e entón propuxémonos pór en cuestión o modelo, o concepto de sociedade do coñecemento en uso. O contexto, cunha Internet que apenas rompía a casca cara a un modelo máis participativo, onde os usuarios gañabamos o control e o protagonismo, era especialmente significativo. Por unha banda, os gobernos e os partidos políticos, e por outro lado, as multinacionais e a gran empresa tradicional, intentaban capitalizar o concepto de "Sociedade do coñecemento", uns para aproveitar o vento a favor, outras para sacar rendemento. Os dous facíano desde un modelo vertical, de procura de control e aproveitamento dunha teórica hexemonía sobre a realidade. A pesar diso, a cibersociedade respondeu, rompendo o modelo vertical, horizontalizándose, enredándose, multiplicando por milleiros o número de protagonistas. A "Sociedade do Coñecemento" que descubriamos naquel congreso era moi diferente daqueles que elaboraban os discursos, as campañas e os folletines. Co tempo, chegamos a porlle a etiqueta "2.0", que agora fai reconocible unha cousa moito máis seria, un auténtico cambio de paradigma.

Dous anos despois, no 2006, cunha metodoloxía de traballo aínda máis pautada e sólida, atopabámonos diante dunha Cibersociedade convulsa e revolucionada, que fixera súas, a todos os niveis, boa parte das contradicións e as posicións que facían das TIC un espazo social dinámico e provocador. O paradigma "2.0" estaba en expansión e expuña un gran dilema (e sigue facéndoo) ao redor do que significa Internet para a sociedade, como rompía os modelos anteriores, desmenuzando as vellas parcelas continuistas que parecían moverse na periferia. A sociedade enteira atopaba formas de dixitalizarse e neste proceso, as contradicións e as oportunidades que se descubrían mostraban paisaxes novas ao público máis amplo. A ecuación " Coñecemento Aberto, Sociedade Libre" era unha das formas de expresar este dilema. Quizais unha das formas máis polémicas. Internet, as TIC, como tecnoloxías do coñecemento, pola sua mesma configuración técnica e ideolóxica, fan posible unha forma diferente de entender o coñecemento. Dende a súa creación, á súa distribución e ata o seu consumo, o coñecemento en internet pode ser aberto, colaborativo e cooperativo. As implicacións que isto ten para toda a sociedade, en tódalas súas dimensións e ramificacións (literatura, empresa, cultura, política, música, lecer, relacións sociais, e un etcétera inacabable), propón un novo modelo, un novo paradigma de sociedade. Máis libre? Esta era unha das posibles lecturas. O debate segue totalmente aberto. O cambio de paradigma ao que apuntabamos nesta terceira edición xa non era tecnolóxico ou cibersocial, senón para a sociedade no seu conxunto. Máis que un cambio a internet, especulabamos cun novo modelo de sociedade.

Pasaron dous anos e pouco dende aquel gran debate, paraugas de moitos máis debates. Temos moita letra escrita e debatida e, segundo como o avaliamos, o contexto de crise económica (e sistémica?) global parece capaz de anihilarlo todo, de acaparar toda a nosa atención e esforzos, tanto intelectuais como prácticos. Precisamente por esta razón creo que é un bo intre para pensar de forma atrevida e provocativa. Que é un bo momento de mirar máis aló desta enorme fumareda que nos deixa atónitos, negativos e sen ánimo. O que haxa alén deste abismo dependerá en gran parte da capacidade que teñamos en imaxinar e propor este futuro. Así, tanto ou máis que nunca antes, é pertinente voltar a pensar e a debater sobre a cibersociedade. Sobre a que vivimos, xa no presente. Sobre a que xa cambiou as pautas, estruturas e comportamentos do mundo. Sobre a que protagonizaremos, xa sexa como co-creadores, xa sexa como consumidores. Porque esta crise, tan grande e tan negra como a queiramos debuxar, é a última crise do mundo postindustrial, do xigante con pés de barro (o financeiro e o inmobiliario) da vella economía. Dende o Observatorio para a CiberSociedade propómosvos un exercicio de xenerosidade intelectual, unha mirada colectiva cara a adiante, medio lúdica e medio prospectiva, que nos dea pistas, sospeitas e inspiracións da cibersociedade do futuro inmediato.
Xogamos?


Adaptación del texto original